lunes, 5 de junio de 2017

A Xunta iniciará en abril a segunda fase da senda peonil e ciclista na po-308 e contratará este mesmo ano o treito ata Portonovo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda lembra no Parlamento de Galicia que esta actuacións en Sanxenxo conta con todos os informes favorables dos órganos competentes en patrimonio e medio ambiente e non afectará ao Con do Cormorán
A Xunta iniciará en abril a segunda fase da senda peonil e ciclista na po-308 e contratará este mesmo ano o treito ata Portonovo
Asegura que todas as actuacións previstas na primeira fase da obra, que se está a executar entre A Lanzada e Soutullo e rematará en verán, foron acordadas co Concello e tiveron en conta as demandas veciñais

A responsable de Infraestruturas destaca a importancia desta actuación, cun investimento total de 6,5 millóns de euros, para o fomento dunha mobilidade sustentable, a seguridade viaria e a promoción turística da zona
O proxecto delimita mellor as zonas protexidas da estrada, evitando a situación caótica que se produce no verán na Lanzada, cando os vehículos invaden todos os espazos que son susceptibles de convertese en aparcadoiros
Subliña que, pese a que o Con do Cormorán carece de protección patrimonial ou ecolóxica, a Xunta sempre preveu mantelo e buscou unha solución para evitar o paso da senda polas rochas cercanas
Santiago, 22 de marzo de 2017

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta iniciará en abril a segunda fase da senda peonil e cilista na estrada PO-308, entre Soutullo e Major, e iniciará este mesmo ano a contratación das obras do terceiro treito, que chegará ata Portonovo.
A titular de Infraestruturas do Goberno galego salientou que todas as actuacións previstas nas obras da primeira fase que se están a executar entre A Lanzada e Soutullo e rematarán en verán, foron acodardas co Concello de Sanxenxo e tiveron en conta as demandas de diferentes colectivos veciñais.
Vázquez Mourelle remarcou que este proxecto conta con todos os informes favorables dos órganos competentes en materia de patrimonio e medio ambiente e non afectará ao Con do Cormorán.
A conselleira destacou que esta actuación entre A Lanzada e Portonovo, contará cun investimento duns 6,5 millóns de euros por parte da Xunta e está recollida no Plan de Sendas de Galicia, posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de fomentar a mobilidade sostible, mellorar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos, a pé ou en bici, de veciños e turistas.
Ethel Vázquez subliñou que a construción desta senda vai significar unha considerable mellora para a zona desde o punto de vista da seguridade viaria e ambiental. Segundo dixo, o principal obxectivo da Xunta é converter unha estrada para os vehículos tamén nunha infraestrutura na que peóns e ciclistas poidan circular con comodidade e seguridade. Ademais, promoverase unha mobilidade máis sustentable, fomentando entre os cidadáns modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, cos conseguintes beneficios que isto suporá para o medio.
A actuación permitirá delimitar mellor as zonas protexidas do que é a estrada, evitando a situación caótica que se produce na tempada do verán, cando os vehículos invaden todos os espazos posibles que son susceptibles de convertese en aparcadoiros.

Respecto ambiental e patrimonial

Ethel Vázquez salientou que este proxecto é compatible co respecto ambiental e patrimonial e non afectará ao Con do Cormorán. Precisou que aínda que as rochas non teñen protección, a Xunta respectará a sensibilidade da veciñanza, polo que os traballos non incidirán neste penedo nin nos das súas proximidades.
A conselleira indicou que a Axencia Galega de Infraestruturas conta coas correspondentes autorizacións, tanto da Dirección Xeral de Patrimonio como da de Conservación da Natureza e vén atendendo as medidas preventivas establecidas para minimizar posibles afeccións.
Ademais, tendo en conta o posible impacto do trazado do proxecto en terreos incluídos en Rede Natura 2000, técnicos do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra e persoal de vixilancia do espazo natural procederon á inspección do lugar, xunto con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. Nesta inspección, corroborouse que as actuacións previstas están dentro da zona de dominio de Estradas.
En relación á parcela na que se atopa o Con do Paxaro, cómpre lembrar que se trata dunha parcela illada do espazo natural protexido e carente dos seus valores e neste zona non hai dunas. O Con do Cormorán carece de catalogación ou de protección patrimonial ou ecolóxica especial, pero, aínda así, a Xunta, consciente da súa significación simbólica, en ningún momento preveu a súa retirada. Co obxectivo de atender as demandas veciñais e de acometer os traballos atendendo, no posible, a todas as sensibilidades, buscouse unha solución, que permite evitar o paso da senda polas rochas e que afectará minimamente á zona de aparcadoiro, xa que só son dúas ou tres prazas as que se perden.

NOTA: Recomendamos leer la prensa escrita porque no aparece todo el contenido en internet.